“Os contos das nosas fragas”. Vigo. Imaxes.

Na primavera, o chan énchese de flores; violetas, narcisos, xacintos, escilas, anémonas, xeranios.., e as aves ateigan o bosque. Hai tantas coma follas nas árbores e elíxenas segundo as súas necesidades; paporroibos, ferreiriños, piquelos, xiríns, gaios, estreliñas riscadas, petos, miñatos, corvos, gabiáns, ouriolos,…

E os ríos levan moita auga, das nevaradas do inverno e das chuvias da propia estación.



Paseniño, chega a calor e as árbores son quen de a aturar pois crean ambientes frescos no seu interior; e acubillámonos nelas. Aparecen as treboadas de verán e, daquela, a fraga agasállanos cunha imaxe marabillosa, enchoupada da auga da chuvia e alumeada, asemade, pola forte luz do sol.

E vai entrando o frío e, con el, o outono; as árbores non son quen de manteren a vivacidade das súas follas e prepáranas para a súa caída.., e vólvense amarelas, ocres, pardas,rubias, vermellas, violáceas; o bosque transfórmase. Que coqueto é!

É época de froitos; castañas, abelás, faiucos, landras, para os esquíos, osos, corzos,..e tamén para nós; o magosto e a castaña.

A castaña, que rica asada ou cocida, en auga ou leite, con fiúncho, néboda ou loureiro! A vendima e a uva; o mosto, o viño o augardente!

E o frío vólvese intenso; as chemineas fumegan. O inverno. O ar énchese de silencio.
Toc, toc, toc! -é a cor branca que pide permiso para entrar na paleta das cores do ano- Déixaa pasar…, que pase, que pase!

E neva e xogamos coas folerpas. Os animais volven aos seus tobos.

É tempo do Apalpador. Do grande carboeiro. Baixa dunha das devesas do Courel o 31 de decembro; e as cativas, durmidiiiiñas!…, se non durmirdes, nin castañas nin xoguetes de madeira.

Chegou o Apalpador! -di Dubra pola mañá-. Tróuxome unha egua de madeira!

E, devagar, amornan as temperaturas e aínda que Dubra, Xulia, Sarela ou Martiño saiban que volverá a reverdecer, é un tempo novo para todas nós.

Volve a primavera, non a notas?



Foron tres meses intensos nas ludotecas, asociacións de veciñanza, o Hospital Xeral e bibliotecas de Vigo. As cativas teñen o ánimo disposto e preparado para aprenderen e coñeceren. E absorberon a lingua galega, en Vigo, e fixérona súa na comunicación. Un pracer.

E desde hai tempo percibimos que nós tamén debemos ter o mesmo ánimo para as escoitarmos e comprendermos o seu mundo.

Rematamos dándolle os parabéns, outra volta, á Concellaría de Normalización Lingüística por este programa.

Até xa!



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *