O CPR Santo Tomás do Porriño opta pola educación ambiental.
A semana do 13 ao 17 de xuño, no CPR Santo Tomás do Porriño, Faia Educación Ambiental realizará diversos obradoiros dirixidos ás aulas de Educación Infantil e Primaria.
No obradoiro de elaboración de plastilina, o alumnado de Infantil creará un produto con ingredientes naturais e, asemade, exercitará a motricidade fina pois traballará cos dedos, fomentará a súa concentración e acougo e socializará o seu traballo.
De cara a Primaria, o obradoiro de encadernación con materiais reutilizábeis e reciclábeis, sorprenderá. Como acontecer nos outros obradoiros, cadaquén elaborará o seu caderno. Daranlle un uso e estimarán o traballo de seu. Mais deberán concentrarse para que o resultado sexa gratificante.
E o obradoiro de pasta dentífrica suporá unha novidade pois non é habitual a elaboración dun produto, que estamos acostumados a mercar, cuxa historia se remonta a épocas pretéritas. O alumnado observará como somos quen de crear un produto alternativo ao industrial e coñecerá as diferenzas entre eles.
En fin, desde Faia Educación Ambiental agardamos que ademais de traballar, gocen e valoren. Un bo principio, non é?