“Imos coñecer os cogomelos!” Paseíño para peques (unidades de convivencia) e adultas (só iniciación) 22 de outubro, Mondariz

O fascinante mundo das cores e das formas se achega, propágase baixo da terra….Hifa-micorriza…Himenio, espora, micelio…Sobe entre as follas caducas e a lentura da terra. Amósase pleno.

Acó as andoas ghordechiñas, corpudas-repoludas, os boletos. Son todo volume! Acolá esguías zarrotas (Macrolepiota procera) pouco discretas no lameiro…

Como arrecende este sitio…Remexo o follato coa man e aparecen as cantarelas (Cantharellus cibarius). A suave curvatura do pequecho cogomelo e o seu amarelo-ovo intenso zugan por un instante algúns dos meus sentidos. Co dedo corazón, co dedo maimiño, bato lixeiramente no sombreiro. O leve resorte, harmónico, aumenta a miña atención, prende o meu interese.

Andando o camiño, aparecen as amanitas pintas. Con estas…coidadiño!! Mais a mañá segue enchéndose de cor.

Níscaros alaranxados (Lactarius deliciosus), Ametistas violas (Laccaria amethystina), Netorras (russula virescens), luras de monte (Coprinus comatus), fungos dos lameiros (Agaricus campestris).

A súas belezas reticuladas, cónicas, onduladas, deprimidas, lobuladas, fendidas, e a súa intensa fugacidade esténdense no outono. Enchen o ambiente de calidade.

O 22, gozaremos dun paseo de lecer e coñecemento. Anímaste?

OBXECTIVOS

-DESTINATARIAS
-Unidades de convivencia (pai e/ou nai) con peques entre 4 e 12 anos.
-Persoas adultas que queiran aprender a distinguir e coñecer os cogomelos máis comúns
-Se a climatoloxía for favorábel e, atendendo ao número de persoas e respectando o recurso, poderemos apañar algúns cogomelos e sortearmos unha pequena cesta deles.
-LEXISLACIÓN
-MÁIS INFORMACIÓN, logo das fotografías.


LOCALIZACIÓN. Mondariz.
DATA. 22 de outubro.
LONXITUDE DO PERCORRIDO. 2 km
DIFICULTADE. Baixa.
PUNTO DE ENCONTRO. Ás 10h no Pavillón de Deportes de Ponteareas. Desde alí, dirixirémonos nos coches ao punto de comezo, en Mondariz.
HORA DE COMEZO. 10,30h.
HORA DE REMATE. 13h, aproximadamente.
TARIFA.
POR UNIDADE DE CONVIVENCIA. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.

  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€

POR PERSOA ADULTA, 7€
-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela; Faia levará algunhas.
-Formaliza a túa INSCRICIÓN neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará