Paseíños para peques “Coas chuvias do outono…reviven liques coloristas, esponxosos brións e reverdecen as fentas!” P.N. Monte Aloia, 19 de novembro
E velaquí as brillantes pingas de chuvia do outono. Enchoupan os brións, antes case secos agora ben enchidiños, mulidiños. Brandos e esponxosos. Redondos.
Observámolos con curiosidade…Introducimos fraxilmente a man entre a súa almofadiña mol. Agora, cuberta polo agarimoso e húmido brión. Tocamos filoide, cauloide, rizoide. Chegamos á terra.
Brións estrelados, brións peiteados. A folla caduca do carballo caeu liviá, lixeira, inestábel; agora, deitada no brión, pousada na superficie, engánchase aos esporanxios.
As fentiñas dos noiros dos camiños, molladiñas de necesidade; xa desaparecen as pinnas fértiles xa reverdecen as estériles.
Os fermosos liques amarelos, vermellos, ocres, grisallos, verdes, verdeazulados…; ás veces, semellan pequenas árbores, ás veces flores. Algúns, barbudiños; aqueles tan finos como a area máis minúscula; e hainos que parecen follas. E así, foliáceos, fruticulosos, compostos, escuamulosos…..sobre pedra, madeira, brión…nunca pasan desapercibidos e convértense na alegría dos nosos bosques
-OBXECTIVOS DO PASEÍÑO PARA PEQUES
Tamaños, formas e cores dos liques. Tipos de brións comúns. A reprodución das fentas.
Os sentidos do tacto, olfacto e vista.
Apreciación do ecosistema bosque.
Máis información no remate das fotografías
Indicacións
-Localización. Parque natural do Monte Aloia (Tui)
-Data. Domingo, 19 de novembro
-Lonxitude do paseo. 2,5km.
-Dificultade. Baixa.
-Idades. 4-12 anos.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 13h, aproximadamente.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.
- Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
- Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
- Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€
- No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 4€
-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela; Faia levará algunhas.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.