A papiroflexia, o colaxe e o xabón na Guarda. Imaxes

Na IV Mostra das tradicións mariñeiras da Guarda, a carón dos obradoiros de olaría, cantaría ou cestaría con roten, participamos para as cativas con obradoiros de papiroflexia e colaxe de embarcacións e, para as adultas, con dous obradoiros de xabón de caléndula, camomila e esprego (non dispomos de fotografías destes últimos obradoiros).

Así, veleiros, gamelas e catamaráns feitos con papel e cunha variedade aceptábel de sementes e material vexetal; millo corvo, millo branco, lentellas, loureiro, romeu, feixóns, o farelo do trigo, garavanzos, area. Os sentidos do tacto, a vista e o olfacto traballaron arreo neste obradoiro.

Imaxes da Visita ao Parque Nacional Peneda-Gerês

Comezabamos o sábado a andaina perto do val e da mata do Ramiscal, Reserva Integral do parque.
O tormentelo na rocha granítica, as grandes libeliñas e os cabaliños do demo, a imaxe impactante do val apertado do Ramiscal, a branda pastoril de Lordelo, os xatos cachenos de Martinho, o outeiro do niño da aguia; os socalcos con millo, gramíneas e medas, a súa disposición harmónica no territorio e o traballo que leva manteren os sistemas agropecuarios na serra.

Parque Nacional Peneda-Gerês. 20 e 21 de xullo

Estremando co Xurés e conformado por catro serras -Amarela, Gerês, Soajo, Peneda-, e dous planaltos -Mourela e Castro Laboreiro-, o Parque Nacional Peneda-Gerês presenta unha xeografía variada a descubrirmos. Así, relevos esgrevios e sinuosos, afloramentos graníticos impoñentes, vales vizosos, ambientes de ribeira vertebrados polos ríos Lima, Cávado ou Homem, masas boscosas propias en Cabril, Gerês ou Ramiscal.

Mais a presenza humana é palpábel pois as matogueiras, produto da intervención humana para a obtención de pastos, ocupan as maiores extensións do parque e o ambiente rural, a través dos espigueiros, socalcos e brandas, síntese no territorio.
O megalitismo, a cultura castrexa, a ocupación romana, ou o medievo presentan exemplos notorios e belos na forma de petróglifos, mámoas, antas, castros, calzadas ou castelos.

Un medio e unha historia que nos aproximan ao norte de Portugal.

Anímaste?

Preme no programa