As Lagoas de Bertiandos. Zona Húmida de Importancia Internacional (Ramsar).
Participaremos do Día Mundial das Zonas Húmidas o domingo 3 de febreiro.
Serán 12,5 quilómetros, de dificultade baixa, que atravesarán un espazo diferente, pouco abondoso e dos máis fermosos do Norte de Portugal. As Lagoas de Bertiandos. O percorrido, ademais de atravesar e cinguir o espazo protexido, permitiranos situalo, doadamente, entre o río Lima e a Serra da Arga.
A Paisagem Protegida das Lagoas de Bertiandos, sitio da Rede Natura e Zona Húmida de Importancia Internacional, localízase en Ponte de Lima e ocupa unha área de 350ha cuxos valores se espallan nas zonas envolventes ás dúas lagoas (Arcos e Mimoso) e ás marxes do río Estoraos, que vertebra o espazo e empata co río Lima. Son zonas húmidas e non-húmidas que conforman ecosistemas diferenciados con especies propias.
Así, destacan a presenza de pequenos bosques de carballos, turbeiras e os bosques de amieiros asolagados, ecosistemas de conservación prioritaria pola Unión Europea; pasteiros naturais ou tapadas e veigas moi fértiles destinadas ás actividades agrícolas, quer no río Estoraos quer no río Lima.
Esta vexetación acubilla unha fauna propia e son as aves as que se deixan observar; así, é habitual nesta época do ano, nas lagoas, a presenza de alavancos, mergullóns, garzas, picapeixes ou a galiña de río.
E nas veigas, a cegoña branca xa non é unha anecdota.
Tamén agocha Bertiandos unha boa variedade de anfibios; se cadra, sempre se cadra, atoparemos algúns individuos; a ra dos regos, o limpafontes palmado,..
Alén disto, Bertiandos fai parte da antigüidade do Concelho de Ponte de Lima pois presenta vestixios históricos do megalitismo e mundo prerromano e romano; salientan, tamén, o Solar de Bertiandos, Inmoble de Interese Público, quiñentista e barroco, ou os cruceiros.
Gostas?
Indicacións
-Localización. Ponte de Lima.
-Data. 3 de febreiro.
-Lonxitude do percorrido. 12,5 quilómetros.
-Dificultade. Fácil.
-Punto de encontro. Valença de Minho, detrás da antiga alfándega, ás 9,15h, hora galega.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 17h, aproximadamente.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Tarifa. 8€.
-Na unidade de convivencia de 3 ou máis persoas, unha tarifará 3€.
-As menores de 12 anos tarifarán 3€.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
-Cómpre inscribirse antes do 2 de febreiro.
Gostaríanos saber de qué xeito será o traslado ata Ponte da Lima… ¿en vehículos propios ou haberá transporte común?
Moitas grazas de antemán!
En vehículos propios mais no punto de encontro, na alfándega de Valença, encheremos os coches.
Cumprimentos!