As fragas do Xabriña e o oficio da ceraría. O patrimonio material e inmaterial. 15 de setembro

Data.     15 de setembro
Programa
10h. O Lagar da ceraría. Visita guiada.
10,30h. Centro de Interpretación da Ceraría. Obradoiro de elaboración de candeas e visita guiada.
11,30h. Ruta das fragas do Xabriña

Visita ao Lagar da ceraría e Obradoiro de elaboración de candeas
O oficio da ceraría foi significativo nas parroquias de Paraños e A Lamosa, en Covelo, e nos lagares procesábase a cera procedente das colmeas cuxa produción atinxía todas as parroquias do concello.
O resultado eran bloques de cera amarela ou branca, dependendo da súa exposición ao sol na eira, empregados en Vigo na elaboración de cremas, ou en Barcelona na industria do calzado. Complementaban este produto outros máis recoñecidos; así, a elaboración dos exvotos e as candeas de tamaños e pesos diversos. O oficio esmoreceu a mediados do século pasado.
Visitaremos o lagar, en bo estado de conservación, onde nos explicarán o proceso da elaboración a través das pías de cantaría, o fuso, a trabe de 6,80m ou o peso de 1200 quilos; pasaremos pola fermosa eira ou a pía onde abrancazaba a cera..
Logo, no Centro de interpretación farannos unha demostración de elaboración de candeas a partir da cera da abella; aí o protagonismo acádano o bruñidor, a paila e a talladeira.
Patrimonio material e inmaterial que se valorizará coa nosa presenza, coñecemento e comunicación. O paso previo está feito pola Comunidade de Montes de Paraños cuxo gusto e estima do propio permiten a mostra deste xeito de vida. Non hai moitos exemplos; xa que logo, parabéns polo traballo feito.

Ruta das fragas do Xabriña
Poucos ecosistemas de ribeira nos oferecen tanta beleza e coñecemento. Nos arredores, o carballo e o loureiro avísannos de ambientes termófilos. E logo, o río Xabriña é un petisco para os sentidos; os ollos regálanse no escenario verdello dos amieiros e as abelairas; dos dentabrús e fentas; o brión esfagno acelera esta visión; nese ambiente sombrizo campa a hedra (herba, árbore ou arbusto?) e a temperatura refresca. O olfacto nos alerta; arrecende a fraga, a lentura. Percibimos que os sentidos traballan arreo e non os controlamos; o son da a auga acompáñanos cando atravesamos os cavorcos do Pozo do demo e o aproveitamento histórico da auga, responsábel e sustentábel, asóciase ao río na forma dos numerosos muíños do sendeiro, as pontellas e pontes, os lavadoiros e as levadas. A toponimia revelaranos unha parte dos seus segredos.

É improbábel saírmos desta ruta sen coñecermos o bosque de ribeira, un dos últimos redutos boscosos que nos restan. Lonxe no tempo e afastados na distancia están os bosques propios, as nosas carballeiras, as fragas…

Máis indicacións
-Localización. Paraños (Covelo).
-Data. 15 de setembro.
-Lonxitude do percorrido. 10 quilómetros.
-Dificultade. Baixa.
-Punto de encontro. Ás 9,30h no Pavillón de Deportes de Ponteareas.
-Hora de comezo. 10h.
-Hora de remate. 17,30h, aproximadamente.
-Tarifa. 9€ (Inclúe o Obradoiro da elaboración das candeas, a visita guiada ao Lagar e ao Centro de Interpretación da Ceraría, a monitorización das fragas do Xabriña e o seguro de responsabilidade civil).
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 ou máis persoas, unha tarifará 3€.
-As menores de 12 anos tarifarán 3€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
-Cómpre inscribirse antes do 14 de setembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *