“As fragas do Xabriña, a sensualidade dos bosques atlánticos”. 20 de setembro

O Xabriña é un petisco para os sentidos.
O son do ambiente é nidio, claro. O olfacto nos alerta; a lentura perfuma a fraga e arrecende a terra de bosque atlántico. Os ollos regálanse no emocionante escenario verdello dos amieiros, freixos, dos brións. A cor verde penetra, por fin, no noso corpo. O vento entre a follaxe, dominada por ferreiriños e picafollas; a auga, entre o bulicio e o descanso de varios remansos.
A fraga nos envolve e, en pouco tempo, derruba as nosas resistencias. Os camiños entre abelairas e os dentabrús na base dos amieiros tornan o Xabriña nun xardín natural, perfecto.
Imaxinámonos nalgún momento, nun bosque case subtropical. Claro está. O ambiente dos amiais meridionais atlanticos é morno, e fentas, dentabrús, fentos machos e femias e cabriñas son amantes de bosques termófilos. Mais, a inclinación das marxes delatan a presenza dos carballos corpudos, de carballeiras notábeis.
Cada pouco tempo, as imaxes varían. O sosego é o pracer se apoderan de nós e comezan as preguntas, a razón de tanta fermosura.
O Xabriña

PROGRAMA

10h     Visita guiada ao Lagar da ceraría
10,45h  Obradoiro de elaboración de candeas e exvotos no Favum
11,30h Ruta das fragas do Xabriña

O oficio da ceraría foi significativo nas parroquias de Paraños e A Lamosa, en Covelo, e nos lagares procesábase a cera procedente das colmeas cuxa produción atinxía todas as parroquias do concello.
O resultado eran bloques de cera amarela ou branca, dependendo da súa exposición ao sol na eira, empregados en Vigo na elaboración de cremas, ou en Barcelona na industria do calzado. Complementaban este produto outros máis recoñecidos; así, a elaboración dos exvotos e as candeas de tamaños e pesos diversos. O oficio esmoreceu a mediados do século pasado.

(Indicacións e formulario de inscrición ao remate das fotografías)



Máis indicacións
-Localización. Paraños (Covelo).
-Data. 20 de setembro.
-Lonxitude do percorrido. 11,5 quilómetros.
-Dificultade. Baixa.
-Punto de encontro. Ás 9,30h no Pavillón de Deportes de Ponteareas.
-Hora de comezo. 10h.
-Hora de remate. 17h, aproximadamente.
-Tarifa. 8€ (Inclúe o Obradoiro da elaboración das candeas, a Visita guiada ao Lagar e ao Centro de Interpretación da Ceraría, a monitorización das fragas do Xabriña e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 3€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 3€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 3€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *