Agroma un novo proxecto

Neste intre, en chegando a primavera, comeza a andaina de Faia Educación Ambiental. Agroma agora mais ten as raíces asentadas na experiencia certa e as gañas de aprender de todas vós. Así, tentaremos comprender mellor a nosa relación co medio natural, rural ou urbano; fomentaremos o respecto á diversidade e á igualdade; falaremos desde unha perspectiva feminina da lingua e pularemos pola creatividade e a participación. É un xeito de valorarmos, xuntas, a cerna do que nos arrodea e descubrirmos a beleza das cousas pequechas desta vida. Isto, a través de obradoiros, visitas guiadas, campañas, cursos, xornadas, charlas, campañas ou feiras ligadas ao medio.

Se ollardes a páxina web coñeceredes a nosa proposta de actividades. Con elas queremos chegar a todo tipo de asociacións, entidades públicas e privadas ou administracións que queiran subir un chanzo máis no entendemento deste mundo. Pois só hai un.

Mais tamén queremos chegar a calquera persoa, sen pertenza a ningún colectivo, que desexe anotarse ás actividades que se publicitan; e a aqueles grupos que buscan quen lles programe actividades vencelladas ao medio coas que gozar e aprender.

Paseniño, iremos publicando na web as novas, as actividades que desenvolvemos, as propostas que incorporamos. Agardamos que algunhas estimulen o voso interese. E, se precisardes información do desenvolvemento das actividades, das súas tarifas ou metodoloxía, podes contactar connosco no teléfono 686998706, a través da icona de contacto do ángulo superior dereito ou escribindo a info@faia.gl

Entrade..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *