A Costa da Vela, O Morrazo. A Rede Natura.

A Costa da Vela debe percibirse, alén da limitada e espallada visión do sol e da praia, coma un espazo cun valor ambiental notábel.



Compréndese o seu valor paisaxístico pois nela converxen, por unha banda, o litoral aberto, con cantís mariños esgrevios, irregulares, cuxa cota máis elevada acada os 159m e, pola outra, o litoral da ría, de carácter areoso, cunha representación dos sistemas dunares en Barra e Melide, abeirado polas Illas Cíes, que se sitúan a escasa distancia de Cabo do Home .

Os faros de Cabo do Home, Punta Robaleira, Punta Subrido, vixías de moitos episodios, coñecidos e ignorados; senlleiros, impregnados de certo misterio. Patrimonio marítimo, cultural. Asemade, O Facho, singular e enriquecedora mostra da ocupación prerromana, domina o terreo.



A avifauna, vistosa no inverno. Corvo mariño cristado, gaivota escura, gaivota patiamarela, corvo carniceiro.

Tamén presenta un elevado valor botánico. Paxariños, alelí das praias, cebola das gaivotas, carpaza moura, eiruga mariña, cardos, carrascas de San Xoán.

A herba de namorare… humm…

Até xa!

Indicacións.
Data. 3 de xuño
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 17 h, aproximadamente.
Lonxitude do percorrido. 11,5 quilómetros.
Dificultade. Baixa.
A salientar. A flora, a xeoloxía, os cantís, os sistemas dunares, a avifauna, o patrimonio cultural.
Tarifa. 8€.
Punto de encontro. Depende da procedencia das persoas.
Xantar. Lembrade que, cadaquén, levará a súa comida.

Outras indicacións.
-Cómpre inscribirse antes do 2 de xuño.
-Na unidade de convivencia de 3 ou máis persoas, unha tarifará 3€.
-As menores de 12 anos tarifarán 3€.
-Formaliza a túa inscrición no teléfono 686998706. Tamén podes facela a través da icona de contacto do ángulo superior dereito ou remitir un correo electrónico a info@faia.gl. Deixa un teléfono de contacto.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
-A monitorización está limitada a 30 persoas.

1 thought on “A Costa da Vela, O Morrazo. A Rede Natura.

  1. Maravilloso roteiro, pero cando eu teño un percorrido ciclista no meu pobo, pero mandarei a familia para que logo mo describan. Seguide traballando así para que outros poidamos disfrutar coa natureza que nos rodea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *