A Carvalheira de Abedim. Imaxes.
Os días previos, chuvieiros. O día da actividade, asollado. Un grupo de persoas con ganas de andar, falar e aprender. Semellaba unha xornada óptima.
O percorrido da Carvalheira de Abedim tivo dúas partes ben diferenciadas e complementarias. Unha, o bosque de carballos, encheu boa parte do noso tempo pois non é común atoparmos retallos de bosque perto de nós, na beira atlántica, enchidos da diversidade florística que nos amosou Abedim.
Lugares húmidos, sombrizos, verdecentes, ateigados de fentos, liques, brións, arbustos e árbores propias que nos puideron facer pensar no que algún día puideron ser os nosos bosques. Coñecermos estes espazos é necesario e sabermos que pode mudar a tendencia cara á súa decadencia, tamén.
Logo, o xantar.
E, máis tarde, a suba ao Castelo da Penha da Rainha.
Sorprendeunos o bo ánimo deste momento. Os recunchos que atravesamos entre as grandes penas, os sorrisos, as subas con certa dificultade a rentes das paredes, o agradábel ar do cumio, o silencio ou o significado de nos atoparmos nun lugar que nos axudou a comprender un pouco da historia do sur de Galiza e o Norte de Portugal conseguiron que o percorrido gañase en vitalidade.
E, rematada a xornada, achegámonos a Monçao. Pingos e refrixerios. O descanso. O acougo. A ledicia.
Até máis ver!
Un roteiro ben interesante que rematou co ascenso ao castelo entre moitos risos.Así dá gusto camiñar…
Ten moi boa pinta este roteiro, a ver se noutra ocasión me cadra poder ir!
A verdade é que pasamo-lo moi ben, espero poder repetir no Courel…