Faia Educación Ambiental

Programa San Bieito, 2020, O Porriño

A Concellería de Cultura e Festas ven de anunciar o programa das Festas de San Bieito que este ano terán un formato máis reducido e axeitado aos protocolos sanitarios obrigados polo “Covid-19”, no que atinxe ao tipo de espectáculos que se poden ofrecer e ao aforo restrinxido.
O programa festivo recolle sete eventos. Comezará o sábado 11 coa actuación da arpista Marta Quintana, prevista ás 21 horas na praza de San Bieito.
-Ese mesmo día, de noite, haberá sesión de cinema na rúa, coa proxección da película galega “O que arde”, dirixida por Óliver Laxe e que valeulle a unha das protagonistas, Benedicta Sánchez, para gañar o premio “Goya” á mellor actriz revelación. O pase da película realizarase o sábado 11 na praza de San Sebastián, a partir das 23 horas.
O domingo 12 está programada a actuación do grupo vigués “Xardín desordeado” que musicaliza poesía en galego con diferentes ritmos, dende o bolero, pasando polo “swing” e ata o “blues”. Terá lugar ás 21 horas na praza de San Bieito.
A concelleira responsable da organización, Cami Moreira subliña que a maior novidade que se contempla no programa deste ano é a visita guiada ao cultivo de vimbieiras de Julia De La Cal que terá lugar o luns 13, festivo local no Porriño. A comitiva sairá dende a praza de San Bieito, a partir das seis da tarde.
Julia e Marcelo de Faia Educación Ambiental serán os encargados de realizar esta visita coas explicacións pertinentes respecto desta materia. Require de inscrición previa a través do correo electrónico cultura@oporrino.org (hai que descargar o documento de inscrición ). Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto responsable dos mesmos. A inscrición levarase a cabo por orden de remisión dos correos electrónicos, ata un máximo de 30 participantes. Para participar nesta actividade é obrigatorio o uso de máscara. É recomendable levar gorro e auga.
O mesmo luns, polo serán, a partir das 21 horas, Julia de la Cal manterá unha conversa para achegar á cestería ao público que acuda á Praza de San Sebastián onde se celebrará.
O luns, ás 20 horas haberá tamén un concerto musical a cargo do dúo “Lagoa Folk”, na praza de San Bieito.
O remate da programación será unha tirada de fogos artificiais, a partir das 23 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *