Unha saída interesante. As Lagoas de Bertiandos

O Día Mundial do Medio Ambiente un grupo de 19 persoas animámonos a coñecermos devagar este fermoso espazo da Rede Natura portuguesa.


O esforzo desenvolvido en Bertiandos por parte da súa área de xestión é notorio e debería ser un dos paradigmas no que os espazos galegos envorcasen a súa ollada.
Entre todas, atopamos a orballiña, a planta insectívora. Sempre é un pracer observala enriba do esfagno. E os ambroíños de río aumentaban o valor estético das lagoas.

E, malia non ser a mellor época para gozarmos da avifauna da área protexida, apareceron os alavancos, cuxo cambio na plumaxe é palpábel nos machos pois o desgaste desdebuxa as cores metálicas; tamén apareceron galiñas de río e garzas.

Mais a seca que nos invade percibiuse nas zonas lacustre e palustre pois frecuentemente están asolagadas pola auga. É unha outra ollada diferente das lagoas.

Houbo un refrescante xantar..

E as tápadas co gando, as veigas co millo, a flor do liño, a asociación do dentabrú e o amieiro, o ulmeiro e a grafiose, a ra dos regos ou patilonga, ou a herba do xabón deron para falarmos delas.

Aínda lembro a conversa da autoría dos gabiáns ou os miñatos na colleita dos polos das galiñas…

Acho que voltaremos un día asollado de inverno. Até xa!

1 thought on “Unha saída interesante. As Lagoas de Bertiandos

  1. Vendo estas imaxes entran ganas de apuntarse ó próximo roteiro, seguide informando que agora comeza un a ter máis vagar.
    Parabens

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *