Ruta “Bosques do Verdugo. A harmonía das súas alianzas” Ponte Caldelas, 29 de setembro

Aínda o río non engordaba mais sentada, ollaba nun remanso ou seu fluxo. Será a cor sombriza da auga e é que os amieiros se bican nas copas. Ámanse. Ou as liñas maxestosas, perfectas, dos buños das beiras. Ou as pradeiras de luzulas que agabean coas raiceiras buscando máis humidade, máis espazo.

Ensimismada no leito do río, as zapateiras-costureiras-pitas cegas facíanse ver en grupos de aparente desorde. Búrlabanse todas de min facéndome crer que Chove nos ríos e que hai Estrelas na auga. Como un ser tan pequeniño nos fai crer a nós, tan grandes, contos tan fermosos e logrados!

A árbore da esquerda amósame a súa ferida. Leva anos con ela e non a dá pechado; na cerna ten un buraco e está triste, decaído pois acha que pode perder a loita; mais é robusto e maduro, aínda ten moito que bregar. Ao seu redor segue a bulir a vida e ela é a responsábel. Ten moita forza.

O arrecendo cítrico das abelouras do río levame a elas e sorpréndeme velas, afoutas, nunha marxe ben cumprida de auga. Que ousadía ten ese monllo de abelouras…

A vida no bosque é un libro moi longo, moi largo, moi grande, extenso, dilatado no tempo e nunca dá acabado…

A información sobre a saída, logo das fotografías.

Máis indicacións
Localización. Ponte Caldelas.
Data. 29 de setembro.
Lonxitude do percorrido. 10km.
Dificultade. Baixa.
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 17h, aproximadamente.
Tarifa. 9€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta, as taxas e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO  Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *