Ruta “As Carballeiras do Xesta. Sedución nas terras do Suído” A Lama, 24 de marzo

Entre os 625m e os 750m da gran Dorsal Galega, as extensas Carballeiras do Xesta, situadas entre os pisos basal e montano galegos, amosan pegadas da súa vitalidade e plenitude; e dada a escaseza, a vulnerabilidade acompáñaas.

A menor altitude, a ábore climácica, o carballo atlántico, monopoliza o bosque e permite unha sucesión e asociación de especies que emperiquitan o chan, e embelecen horizontal e verticalmente o bosque. A variedade liquénica é asombrosa. Así, diversas especies de Cladonias, Peltigeras, Usneas, Leprarias, Parmelias, xunto dos brións esfagnos ou os peiteados Dicranum, asomando a cabeza acó e acolá. Os cáncaros, as violas, as húmidas seixebras.

En subindo, rarean os acivros mais xa fan parte do estrato arbustivo e paseniño, a súa presenza é tan notoria que consegue un bosque de seu, un pequecho bosque propio, co seu desolador pouco amoblado interior. Unha fermosura. E velaquí que aparece o dente de can, a bulbosa de tépalos violáceos arqueados cara ao ceo que, indiscreta, amosa sen roupa os estames e o xineceo, quen enrubescen baixo as olladas..

Cara a nacente, bidueiros límpidos achéganse á auga do Xesta, a beberen e viviren, a se confundiren tamén entre os carballos para que observemos un novo e belo ecosistema, xa montano, máis frío..

Máis información, logo das fotografías

Indicacións
Localización. Liñares-Xesta (A Lama)
Data. Domingo, 24 de marzo.
Lonxitude do paseo. 11km.
Altitude. 625m-750m
Dificultade. Baixa-moderada.
Hora de comezo. 11h.
Hora de remate. 17h, aproximadamente.
-Punto de encontro. Concello da Lama, 10,30h
Tarifa. 9€ (Inclúe a preparación, a monitorización da ruta, as taxas e o seguro de responsabilidade civil). O pagamento farase ao inicio da actividade.
-Na unidade de convivencia de 2 persoas -menor e titora legal-, a menor tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -unha menor- unha tarifará 4€.
-Na unidade de convivencia de 3 persoas -dúas menores- as dúas menores tarifarán 4€.
-Na unidade de convivencia de 4 persoas, dúas tarifarán 4€.
-Xantar. Cadaquén levará a súa comida.
-Formaliza a túa inscrición neste FORMULARIO . Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl . A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.
-As menores de 12 anos deben vir acompañadas por unha adulta.
-As menores de idade, se viren soas, deberán traer un documento que acredite a autorización de nai, pai ou titora legal.
-O pagamento efectúase no comezo da actividade.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *