Paseíños para peques “Pétalos, sépalos, tépalos. Estigmas e anteras…son as flores!” 22 de abril, Mondariz Balneario

Vai chegando…vai chegando, a caloriña.
Estou no río, no camiño. A brisa lene, tépeda, toca a miña cara. Calma.
O cabaliño do demo, azul,  pousa no “bicarelo do bico” do fento. O xirín tolea co seu canto. Os ferreiriños brincan nas pólas dos amieiros. A confianza prende en min e a luz lévame ao bosque.
Ando pausada, ao compás das árbores pois elas suxiren e condiciónanme. E fíxome no río, que me leva a vida.

Agáchome. No chan, salientan a cor amarela, lila, rosa. Son as flores. Universos cheos de vida que pisamos. Pecho os ollos. Redúzome ante elas. Adáptome. Arenarias, escilas, xeranios, xacintos, ranúnculos, cáncaros, violas.
Eu pequechiña, sentada no bordo do pétalo amarelo-dentado dun panqueixo, trato de me manter en equilibrio; o pétalo é enorme e a súa cor pálida, abráiame. Boto a cabeza fóra e ollo cara ao exterior. A altura é respectábel mais se eu perder o equilibrio, as follas rugosas farían de colchón. Revírome e observo de novo a impresionante flor. A beleza! Gusto do aroma a néctar que despide. Provén do fondo da pequena curvatura do pétalo, daquela cor amarela-ovo, da inclinación que me levaría dentro dela, cara a base dos estames e do gran xineceo; déitome de costas e déixome levar; esvaro. Sinto a superficie aveludada do pétalo na miña pel mentres caio… e o tempo se para…

Indicacións
-Localización. Mondariz Balneario
-Data. Domingo, 22 de abril.
-Lonxitude do paseo. 2,5km.
-Dificultade. Baixa.
-Hora de comezo. 10,30h.
-Hora de remate. 13,15h, aproximadamente.
-Tarifa. Establécese por unidade de convivencia. É necesaria a presenza da nai, pai ou titora legal así como a súa participación na actividade. A tarifa inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.

  • Unidade de convivencia. 1 menor mais nai e/ou pai ou titora legal, 10€.
  • Unidade de convivencia. 2 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 15€
  • Unidade de convivencia. 3 menores mais nai e/ou pai ou titora legal, 17€
  • No caso de se superar o número de adultas (2) a tarifa pola terceira persoa adulta é 4€

-O pagamento efectúase no comezo da actividade.
-Faia dará un pequeno caderno que deberán traballar as unidades de convivencia. Levade bolígrafo, lapis e lapis de cores. Quen teña lupa, pode traela.
-Formaliza a túa inscrición neste formulario. Deixa un teléfono de contacto. Tamén podes facela ligando para o 686998706 ou en info@faia.gl A inscrición require confirmación por parte de Faia Educación Ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *