“Visita ao Bierzo. O Alto Sil, O Faial occidental, As Médulas”. Imaxes dunha visita con pegada

O mundo das flores. Agardábanos o Alto Sil. Primoroso.

Alí, catro especies de narcisos chamaban a nosa atención; situados en cadanseu lugar, os narcisos asturiensis-pseudonarcissus-triandrus-bulbocodium, ensinaban a súa beleza. Entre eles, salferido, o fráxil e violáceo dente de can, tan necesitado de neve. Neste mundo de flores, competían, tamén, dúas especies de panqueixos, acaulis-veris. Cal é máis linda? A curiosa e sorprendente herba chaveira, o eléboro, cuxa flor, nestas condicións, permanece aberta tanto tempo; só ela na Península Ibérica.

Territorio montano. Formidábeis e densos bosques de rebolos. Bidueirais montanos con manchas de acivros e teixos. E a neve. E as brañas. E chegamos alí, ao alto. A alegría do medio silvestre, ventureiro, contaxiounos. Foi a nosa ledicia. Aleń nós, o Territorio subalpino.

Aínda hai fermosura, pouca, moi pouca, neste mundo. Mais cando se percibe, todo cambia. Non sei se estaremos a tempo de parar…de nos determos…

En Sésamo, nas grandes paredes de cuarcita, as vellas pinturas rupestres, e, engalanándoas, enriba do gran promontorio, aparece a aberiotas, unha delicada flor, unha linda romulea viola, amarela e branca. É unha iridácea. Por isto, o Arco da Vella. Iris, a harpía Iris, a mensaxeira de deusas e deuses do Olimpo da Ilíada.
Aos pés do promontorio, o xacinto bravo, a arzaia-lavanda olorosa de ecosistemas secos e pedregosos.

As Médulas e a chuvia. Mágoa. En Fabero, un mundo diferente na mina Pozo Julia. A dureza mineira e o debate. A cea co aniversario de Jose. Vaia grupo de persoas! Estupendo. Vilafranca do Bierzo, monumental. A arte, o paseo, o lecer.

Intenso o Faial occidental berciano. Había que demorar a ruta. Un bosque monoespecífico de Faias con instantes emocionantes e irrepetíbeis. É que… o bosque se move!!!! Siiii! Se move!!!……e sempre, sempre, é diferente!



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *