Paseíños para peques. A descuberta da natureza!

Destinatarias
Rapazas e rapaces desde os 5 anos até os 12 anos acompañados de pai, nai ou titora legal

Contido
O obxectivo dos paseos é o descubrimento do medio a través de estratexias que potencian os sentidos (tacto, olfacto, vista), o lecer e o coñecemento. A cooperación de nais e pais ou titoras legais na actividade é imprescindíbel.

Así, nais e pais tamén participarán na descuberta do medio; coñecerán as especies de flora e fauna xunto das súas cativas e cativos e isto serviralles de ferramenta no futuro na educación da súa unidade de convivencia.

Os paseíños
Os paseíños non son rutas de sendeirismo. Andar un pouco forma parte da actividade mais non é esencial; a pequena andaina, a observación das especies, as paradas, desvendan os nosos sentidos. A duración da actividade é 2½h e atendendo á epoca do ano eliximos os diferentes paseíños.

“Paseíños para peques. As bolboretas e outros seres diminutos”. Verán
Laranxa, amarela, castaña, negra, vermella, verde, azul, branco. Son as bolboretas! Un mundo diferente e abraiante agarda que o coñezamos e respectemos..



“Paseíños para peques. Os anfibios e a auga”. Primavera
A píntega, o limpafontes común, a ra patilonga, a ra verde, o limpafontes marmorado, o limpafontes palmado son as especies que adoitamos ver nos ecosistemas acuáticos. Son tan sensíbeis!

“Paseíños para peques. As plantas aromáticas. Aromas naturais!” Primavera, Outono
A néboda, o ourego, a herba cidreira, a abeloura, a herba madroa, o poexo, a camomila, o tormentelo, o fiúncho, o hortelán, a ruda, o romeu, que ben arrecenden!

“Paseíños para peques. Cantas cousiñas nos nosos bosques!” Primavera, Verán, Outono, Inverno
Carqueixas, bugallos, carballos, sobreiras, cortizas, fentas, brións, morotes, ourizos, liques, samaras, queirogas, pradairos, landras, estripeiros, bagas, forman parte do universo dos nosos bosques.

“Paseíños para peques. A descuberta do noso mar” Primavera, Inverno
Arolas, algas, area grosa, queimacasas, lapas, rochas, flora, actinias, dunas, mareas, ondas, sal, cunchas, na descuberta do noso mar.

“Paseíños para peques. A descuberta das aves limícolas e continentais” Outono, Inverno
Garzas e garzotas, píllaras, biluricos, mazaricos, charnecos, galiñas, alavancos, pilros, nas lagoas e esteiros.

Tarifas
A tarifa establécese por unidade de convivencia. Inclúe a monitorización e o seguro de responsabilidade civil.

  • -Unidade de convivencia dunha menor mais nai, pai ou titora legal, 7€.
  • -Unidade de convivencia de dúas menores mais nai, pai ou titora legal, 11€
  • -Unidade de convivencia de tres menores mais nai, pai ou titora legal, 15€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *