Imaxes da Visita ao P.N. Fuentes del Narcea, Degaña e Ibias, 2017

O sorriso e a curiosidade da linda Mara,  o belo canto dos pimpíns, o esforzo pola neve no Cuetu, o laranxa das bolboretas da familia Pieridae, a fermosura nos amarelos dos narcisos asturiensis e bulbocodium, os breves e reparadores descansos, o impactante piso subalpino, a ledicia no cumio, a marcescencia dos rebolos e das faias, os eternos e relitos teixos. Os arrecendentes xenebreiros rastreiros.

Aparece a estroza, a pequena ra delicada, alí, na lagoa glaciar; e tamén a grande ra vermella! O amplexus dos sapos (el agarradiño a ela). A delicada e fráxil anémone violácea nas beiras dos camiños. A elegante e rosácea dente de can. A sempreverde herba chaveira. O abruñeiro, a roseira brava.

Chega o momento do traballo e alí a tornear no obradoiro da Cerámica Negra de Llamas de Mouro. Tensión e concentración durante a elaboración da peza. Logo, a terra tremía no Mazu d’Abaxu mentres batía no ferro. Alí, en Bisuyu.

Faiais, reboleiras, carballeiras albares, altos cumios, lagoas glaciares, pastos de montaña. Teixos, acivros e bidueirais montanos. E, en todos estes ambientes, a vitalidade de moitas caras que zumegaron, contaxiaron alegría e pecharon unha gran visita ao Cordal Cantábrico.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *